![]() |
| Fonte: Xosé Castro. Arquivo da RAG |
“Co pasamento de Xosé Luís Méndez Ferrín, Galicia perde unha das súas figuras máis senlleiras e a república das nosas letras unha das súas plumas máis extraordinarias. A súa traxectoria como intelectual é inseparable do seu intenso compromiso político revolucionario, que lle custou varias condenas de cárcere”, destaca o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, na Tribuna de academia.gal.
Xosé Luís Méndez Ferrín foi unha figura capital da literatura galega contemporánea e presidiu a Real Academia Galega (RAG) entre 2010 e 2013. A súa traxectoria une a renovación vangardista das letras galegas cun intenso compromiso político e lingüístico.
Foi o gran impulsor de la Nova Narrativa Galega, rompendo co realismo tradicional de posguerra mediante técnicas modernas, fantasía e mitoloxía en obras como Percival e outras historias (1958), Ou crepúsculo e as formigas (1961), Retorno a Tagen Ata (1971) e Arraianos (1991).
O seu poemario Con pólvora e magnolias (1976) transformou a lírica gallega ao fusionar o compromiso revolucionario co intimismo existencialista.
Aborda de forma poética e fantástica as tensións do nacionalismo galego a finais dos anos 60 (entre o exilio, emigración e o interior) e os conflitos políticos baixo o franquismo.
Exerceu como catedrático no Instituto Santa Irene de Vigo durante décadas. Desde o ensino, o xornalismo e a presidencia de la Real Academia Galega (2010 ata 2013), mantivo unha defensa firme e combativa da normalización da lingua galega e dos dereitos da clase traballadora.
Foi un dos fundadores de Brais Pintos en Madrid (1958). Un colectivo cultural formado por mozos intelectuais galeguistas para modernizar a cultura galega e superar o enfoque meramente culturalista da posguerra.
En 1964 participou na creación da Unión do Povo Galego (UPG). Posteriormente impulsou organizacións independentistas como Galicia Ceibe e la Fronte Popular Galega.
A súa actividade contra a ditadura franquista e o seu activismo durante a Transición custáronlle detencións, procesos xudiciais e estancias en prisión en 1967, 1969 e 1980.
Xosé Luis Méndez Ferrín o 17 de agosto do 2014 (segunda feira) no Faro de Vigo: Tranvía eléctrico de Vigo:
"Estamos no centenario da posta en funcionamento dos tranvías de Vigo.
Que, na miña infancia e adolescencia, eran de dúas clases. A maioría das liñas pertencía á compañía Tranvía Eléctrico de Vigo, incluindo o maravilloso tren eléctrico a Baiona. Logo, como marxinal e subrepticio, ía o tranvía do Porriño, Calvario arriba, que non podiamos coller a non ser que fosemos a destinos alén do Concello de Vigo.
Os coches (así se dicía) do TEV estaban pintados de branco; os tranvías de Porriño discrepaban cunha cor amarela intensa. Cando os nenos do Ourense do meu tempo viñamos a Vigo, só queriamos ir ao Berbés e ao porto comercial, onde estaba o submariño alemán e outras mil cousas espectaculares. Pero sentiámonos nunha grande cidade por outras razóns: unha, porque ao contrario que en Ourense, en Vigo había teléfono automático con rodiña e números; outra, porque na cidade atlántica circulaban os tranvías e na da Burga non existía outro transporte público ca o "carrito" (autobús) que unía o centro da cidade coa estación do ferrocarril, que estaba situada no concello viciño de Canedo.
Deixemos o do Porriño, cuxa historia eu descoñezo. Veñamos ao tranvía de Vigo que vivín intensamente. Vivínno tanto que participei, con rapaces de Teis en alpargata, no atrevido exercicio de viaxar no tope facendo equilibrio cun pé diante do outro, e mais na arte, xa xuvenil, de se tirar un en marcha contrarrestando a inercia cunha carreira firme e todo o ombreiro proxectado atrás.
Hai cen anos, teño entendido, no paraíso perdido da illa de Toralla, nunha antiga fábrica de salazón adaptada a estancia de descanso, reuníronse señores do Vigo progresista, entre os cales había masóns republicanos e un intelectual anarquista. Acordaron que, co seu capital e a súa intelixencia, lle ofrecería a Vigo unha mellora que xamáis a cidade recibiría das autoridades políticas do Estado e da Provincia (os dous inimigos históricos de Vigo). Daríanlle a Vigo unha rede de tranvías que servía de soporte á constitución dunha cidade contemporánea. Idearon a compañía de tranvías, na illa de Toralla, Patricio Echegaray, Cocepto López, Ricardo Mella e outros que descoñezo, porque eu non investiguei nas fontes orixinais este acontecemento.
Só quero agora lembrar como o alcalde Portanet, 54 anos máis tarde, eliminou os tranvías, desposuiu á sociedade propietaria, e trouxo de fóra, unha compañía asturiana na que tiña parte o xeneral Alonso Vega. Esta nova empresa levantou as vías e os cables eléctricos e puxo o sistema Vitrasa que perdura. Ao tempo houbo concellais franquistas procesados e presos polo delito de "cohecho". Portanet non, porque el, como é tradición en España, estaba "aforado" e gozaba de inmunidade parlamentaria por ser procurador en Cortes e Consejero Nacional del Movimiento".
