Pero antes de deternos na fraga dos escritores, regresemos ao Cantigueiro de Orcellón e a seu prólogo de suxestivo título, “Un cantigueiro para arrieiros, tratantes, emigrantes, xentes do camiño, do Carballiño”: “Nas chamadas, en tempos medievais, Terras de Castela, na Galiza, polos seus moitos castelos e torres, está Orcellón. Ermidas románicas outeando os ermos dende os castros: Moldes, Astureses, Mesego... á sombra dos castiñeiros que polo Outono deixan madurar os seus ourizos xunto ca apoteose dos ouros na follaxe murcha. Cando xa a uva tinta de Cabanelas nos santuarios das adegas, retablo de pipotes, ferve para ser polos magostos liturxia requilante nas cuncas brancas de louza, manchando o bico entre o rosario e o ollo da perdiz. Eis a Castela medieval, Orcellón esquecido, soamente escrito nos vellos pergameos, cas parroquias de Brués, Cameixa, Campo, Cangues, Cidade, Espiñeira, Froufe, Xendive, Xuvencos, Xurenzás, Longoseiro, Loureiro, Moreiras, Mudelos, Ponteveiga, hoxe esmoreados pardiñeiros que foron señorío dos Condes de Monterrei.”* Emilia Pardo Bazán e El cisne de Vilamorta
No hay comentarios:
Publicar un comentario