Día das Candeas, Portela, tan celebrada en numerosos lugares
da nosa xeografía. Sábado con prognósticos meteorolóxicos adversos. O noso obxectivo a Serra do Pisco; unha paraxe fermosa chea de encanto, compartido por
España e Portugal. O noso destino o pobo portugués de Tourem; un lugar típico
de montaña, de construcións típicas onde a pedra é o argumento principal.
Coñecer este pintoresco lugar é recomendable. A gandaría a súa principal fonte
de riqueza. En Tourem é posible tomar unha macela con limón, unha menta e un descafeinado con leite (grande) por dous
euros.
O noso obxectivo era percorrer a Serra do Pisco pasando por
dous vértices xeodésicos portugueses. Iniciamos a nosa marcha con frío intenso
e moito vento; a néboa facíase presente por momentos e con moita densidade.
Recoñezo que era un día arriscado, pero é que a montaña chámate con tal
intensidade que non podes dicir que non. Na barreira dos 1.050 metros o vento
facíase notar con moita forza; a auganeve daba paso folerpas de neve e a progresión
era máis difícil. No marco fronteirizo 72 decidimos parar un anaco, recompoñer
un pouco a vestimenta e continuar ao vértice xeodésico portugués do Pisco.
A baixada foi complicada pola néboa, ás veces neve, outras,
auganeve. Realizamos a baixada monte a través, un pouco desorientados,
intentando manter o rumbo. Chegamos ata unhas antenas a uns 1.200 metros de
altitude; decidimos retroceder por unha pista ata encontrar a estrada que une
Pitoes dás Junias con Tourem; voltamos
campo a través ata chegar ao noso segundo obxectivo que non era outro que o
vértice xeodésico Pena Cereja a 1.120 metros.
A partir dese momento descendemos o máis vertical posible
dirección Tourem onde nos esperaba unha tortilla de bacallau e filetes
empanados e unha bola de pan. A miña saúde está débil; por iso sinto un
especial agradecemento á miña muller e a nosa amiga P. por participar da miña
paixón pola montaña e ás veces, arriscar como no día de hoxe, que invitaba a ficar na casa ou realizar outras actividades menos arriscadas.
TRACK SERRA DO PISCO